|
viernes, 05 de febrero do 2010 |
Ao límite presentará o Concello de Abegondo as súas propostas para o novo Plan E. Os técnicos municipais aínda traballaban onte na lista de proxectos que remitirán ao Estado para a súa inclusión no Fondo Estatal para o Emprego e a Sustentabilidade.
Os 630.000 euros que o Executivo central destinou ao municipio investiranse en dous aspectos: o saneamento e os centros sociais. Así, o alcalde, José Antonio Santiso, avanzou que o maior investimento recibira a mellora do servizo de saneamento na parroquia de Sarandóns.
O Concello, grazas aos fondos estatais, pretende instalar a rede de sumidoiros necesaria para conectar os inmobles deste núcleo de poboación co novo bombeo construído na zona e coa tamén nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Santiago de Vigo, en Carral.
José Antonio Santiso Miramontes subliñou onte que esta instalación aínda non entrou en funcionamento xa que non asinaron o convenio co municipio de Carral onde se determinen as condicións de uso.
O Plan E de 2010 servirá tamén para rehabilitar os centros sociais de Sarandóns, Vizoño e Meangos. Ademais, a escola pertencente ao marquesado de Figueroa converterase no novo local de encontro veciñal. O Concello conseguiu a súa cesión en 2002 e, oito anos despois, pretende adecualo para fins sociais. A lista de proxectos propostos non será sometida á aprobación da corporación ao non superar ningunha obra o 10% dos recursos ordinarios do orzamento municipal. Tampouco o anterior Plan E pasou polo pleno.
A pesar das dúbidas manifestadas pola oposición, o rexedor local sostén que todas as obras do primeiro fondo estatal están finalizadas e que todas as certificacións foron remitidas ao Goberno central. |